Arbo mellora dúas estradas ao abeiro do Plan de Infraestruturas Rurais 2018

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, acompañado polo alcalde de Arbo, Horacio Gil, comprobou esta mañá as obras executadas polo Concello a través do Plan Marco 2018 e do Plan de Infraestruturas Rurais 2018 en dous camiños da localidade. Cores Tourís destacou os 76.775 euros destinados para a ampliación do Rial do Pazo ás Laxas, a través do Plan Marco, así como a mellora do vial en Eidos de Arriba, na parroquia de Sela, que contou cunha axuda do Plan de Infraestruturas Rurais 2018.

No caso da ampliación do Rial do Pazo ás Laxas, as obras supuxeron a execución de 220 metros de aglomerado e instalación de cunetas de seguridade, así como a creación de 80 metros cadrados de novos muros. “En total, a través do Plan de Mellora de Camiños Municipais, que é o Plan Marco, executáronse en 2018 un total de 7,8 quilómetros de reforma de estradas rurais nos concellos da comarca do Condado-A Paradanta”, engadiu Cores Tourís. O traballos en Rial do Pazo están completamente rematados, mentres que a mellora do vial en Eidos de Arriba aínda está en execución.

O delegado territorial recordou que, a través destes plans de mellora de camiños municipais, a Consellería de Medio Rural pretende facilitar a ampliación, a mellora ou o mantemento dos camiños municipais, incluíndo actuacións que supoñan un incremento da largura da vía, o reforzo do firme e terrapléns ou a limpeza das marxes.

CoresTouris HoracioGil obras arbo 02

Por outra banda, Cores Tourís aproveitou a visita para destacar que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o pasado xoves, 30 de xaneiro, a resolución da Consellería do Medio Rural –a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader)– coas axudas correspondentes ao Plan de mellora de camiños municipais 2019-2020. O orzamento previsto é de 15,9 millóns de euros distribuídos en dúas anualidades de 7,99 millóns cada unha. Os gobernos locais terán un mes a partir de mañá para presentar a súas solicitudes.

A nivel provincial, destinaranse 3,2 millóns de euros para Pontevedra, e, en concreto, 424.543 euros para os concellos da comarca do Condado-Paradanta distribuídos do seguinte xeito: Arbo, 44.247 €; A Cañiza, 77.744 €; Covelo, 68.403 €; Crecente, 45.095 €; Mondariz, 48.515 €; Mondariz Balneario, 24.690 €; As Neves, 52.698 € e Ponteareas 63.151 €

O importe mínimo para cada unha das actuacións (calculado sobre a base do orzamento de execución material máis os gastos xerais e beneficio industrial) deberá ser igual ou superior a 6.000 euros. O prazo límite para executar e xustificar os investimentos correspondentes á anualidade 2019 será o 16 de setembro deste mesmo ano. Para a anualidade 2020, o prazo límite será o 1 de xuño dese ano.

Respecto ao reparto de fondos, Agader acordou coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) os criterios de distribución cunha base fixa de 15.000 euros por concello, en función de conceptos como o número de habitantes, a superficie, o peso do agro así como o grao de envellecemento ou despoboamento de cada localidade. Ademais contémplase un incremento do 50% para aqueles concellos fusionados.